equipo de normalización e dinamización da lingua galega ies de cotobade

aquí a lingua galega ten futuro

Hoxe 2 de febreiro casan os paxariños

Non notastes??… que os paxariños rechouchían ultimamente cun trilo máis forte? Senón é así, escoitade desde Cotobade a esta cotovía co seu trilo desesperado buscando parella. E sabedes por que a procura? A razón é que…

… hoxe dous de febreiro casan os paxariños.

De seguro que lle tedes escoitado isto infinitas veces a infinitas avoas, ou a infinitas veciñas, con certo ton de melancolía e perdida mirada namorada cara ao ceo.

Pois si están no certo, xa que na nosa tradición esta data asóciase cun bodorrio moi especial, o de tódolos paxariños e tódalas paxariñas que comezan a súa loita polo apareamento.

Co motivo desta data desde o Equipo de Normalización do Galego do IES de Cotobade e con voz de cotovía queremos facervos unha proposta tripla:

a)  Podedes recuperar a tradición oral con dous refráns:

“A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”

“Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra;

que chore, que deixe de chorar,

a metade do inverno está por pasar”.

b)  Se preferides escoitar música da boa non deixedes de elixir aos:

 Herdeiros da Crus, grupo mítico do rock galego que volve estar de actualidade, co seu tema Pío Pío Paxariño.

c)  Ou se non lembrade a voz dos nosos poetas lendo este fermoso poema hilozoísta ou imaxinista do poeta pontevedrés Luís Amado Carballo

A CANDELORIA

Na catedral do abrente
hoxe casan os paxaros,
con nubes de neve e ouro
está o ceo engalanado.

Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de incenso.

O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

Vai tocando polo campo
a súa zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

O campo as montañas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
  dállesa beizón nupcial.

Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrea un luar o campo.

PROEL, AMADO CARBALLO

(texto adaptado)

02/01/2012 at 10:51 pm Comments (0)